Un ano máis, e van xa dezaseis, achegamos aos interesados en coñecer cómo se desenvolveu a Literatura galega, non só en Galicia senón tamén fóra dela, o Informe de literatura correspondente ao ano 2010, o único observatorio literario galego con características que van máis alá dunha base bibliográfica, xa que non só achega a creación senón tamén a recepción de todo tipo de obras literarias, así como doutros elementos sistémicos, acompañados todos eles dunha descrición do seu contido, e mesmo da súa historia cando de revistas e premios se fala. Este Informe poderase consultar non só no CD-ROM, como en anos anteriores, senón tamén na web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (http://www.cirp.es) en recursos en liña, en formato PDF, ou ben directamente no buscador Google: Informes de Literatura, onde ademais se poden consultar todos os Informes dende o ano 1995.
Como é habitual, no traballo acollemos todas as informacións e reflexións que, atinxindo directa ou indirectamente ao ámbito da Literatura galega, apareceron por unha parte en soporte impreso durante o ano 2010 e, dentro deste tipo de soporte, nas súas máis diversas manifestacións: monografías, libros colectivos, revistas, xornais, etc.
Ofrecemos un comentario descritivo, non valorativo nin crítico, de cada unha das entradas rexistradas, é dicir, tanto dos libros relacionados coa literatura que viron a luz ao longo do ano 2010 (e tan só deses) coma das recensións que sobre eles apareceron nas revistas e nos xornais durante ese mesmo período de tempo. Con estes comentarios tratamos tan só de informar ao lectorado do contido das diferentes publicacións, sen entrar en análises minuciosas, cousa que sería de todo punto imposíbel, nin en excesivos tecnicismos que puidesen obstaculizar a comprensión a un lectorado non suficientemente especializado.
Respecto dos xornais, os consultados seguen a ser, fundamentalmente, de ámbito galego, aínda que cada vez máis son obxecto de atención aqueloutros foráneos que moi esporadicamente conceden algunha atención á Literatura galega. Así, poderán atoparse ao longo deste Informe algunhas entradas de ABC, Diario de León, Bierzo 7, La Crónica, El Mundo e El País, aínda que agora tamén dende a edición galega. Doutra banda, apreciarase que, polo que se refire a este tipo de publicacións, diferenciamos entre “Recensións” e “Referencias varias”, por considerar que estas últimas, de importancia menor, evidentemente, achegan xa algunha alusión ou información secundaria respecto do obxecto principal do escrito (artigos de opinión, entrevistas), xa simples nótulas que non alcanzan o rango de recensións nin de análises críticas con pronunciamentos valorativos de interese, na maioría dos casos. Se decidimos mantelas foi por considerar que proporcionan unha información colateral valedoira, cando menos, para sabermos o grao relativo de atención que prestan ao ámbito literario, en xeral, os diferentes xornais consultados, cousa que se reflicte elocuentemente nos gráficos estatísticos que presentamos.
Polo que atinxe ás revistas, cómpre ter en conta que as consultadas son case todas galegas, por máis que rexistramos a atención que lle prestan a esta literatura outras como ADE (Revista de la Asociación de Directores de Escena de España), Anuario de Estudios Medievales, CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil), La Coronica, Cuadernos de Estudios Gallegos, Humanista, Estudos Lingüísticos, Leer, Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, Mealibra. Revista de Cultura, Primer Acto, Qué leer día a día, Revista de poética medieval, REEL (Revista Electrônica de Estudos Literários), Romania, Serta, Setepalcos, Signum, Studi Medievali e Lazarillo. Tamén nesta orde de cousas, queremos avisar ao lectorado de que, case exclusivamente, nos temos dedicado a consultar as revistas de maior difusión, pero que somos conscientes da existencia de gran cantidade de publicacións por parte de Centros de ensino, Agrupacións e Asociacións culturais e outros Centros, de dentro e de fóra de Galicia, que poden ter interese para os nosos fins pero que non nos foron asequíbeis na súa maior parte. Neste sentido queremos manifestar a nosa vontade de apertura e o noso interese cara a todas aquelas contribucións que os usuarios desexen facernos chegar ao Centro para paliar o noso descoñecemento, nalgúns casos, e noutros a escasa difusión de certos materiais.
No apartado IX Revistas, no que se fai unha biografía da publicación, non dos traballos que contén, a non ser as achegas de creación, dado que se describen no apartado anterior, só biografaremos aquelas que teñen ISSN, as demais que chegan ás nosas mans, como xa dixemos, serán descritas por medio dos seus traballos en Publicacións en Revistas. Os Anuarios que non teñan ISSN e si ISBN serán descritos como monografías (Apartado V.1). Tamén neste apartado acollemos as revistas que se ofrecen en edición facsimilar.
Noutra orde de cousas, cómpre salientar que, como xa se ten feito en edicións anteriores, dedicamos un apartado especial (IV) a todo o que se publicou arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, neste caso, Uxío Novoneyra. Entre outras cousas, esa decisión serviunos para que a bibliografía que se produciu no ano 2010 sobre esta figura non repercutise, desvirtuándoos, nos parámetros relativos ao reconto estatístico da produción literaria total do ano.
Doutra banda, o lectorado apreciará que a Literatura Infantil e Xuvenil é obxecto, así mesmo, de atención diferenciada (Apartado VII), respecto da que podemos denominar institucionalizada, ou dirixida aos adultos. Incorporamos a este apartado a sección denominada “Cómic” polas súas características gráficas e narrativas, aínda que somos conscientes de que hai distintos tipos de cómic, con intencións diferentes e lectorado ideal non infantil e xuvenil. Polo mesmo, coidamos que os traballos rexistrados sobre a Literatura de transmisión oral, pola especial metodoloxía que o obxecto de estudo impón, debían considerarse á parte (Apartado VIII), tal e como se fai asemade coa Literatura medieval (Apartado XI), por constituír esta un corpus con perfil de seu, practicamente xa pechado, e dispoñer, así mesmo, dunha metodoloxía de investigación ben diferenciada respecto do resto da literatura.
Para unha mellor matización na análise dos aspectos que definen o sistema literario galego seguimos a consignar a porcentaxe de obras que se beneficiaron dunha subvención pública para a súa edición (marcadas no texto con §), así como a daquelas que foron directamente editadas por institucións oficiais, xa sexan de ámbito local, provincial ou autonómico (marcadas no texto con w), para contribuír a unha mellor interpretación da realidade cultural galega.
Neste Informe seguimos a matizar os marbetes de apartados, así engadimos en cada un, os denominados “Apéndices”, de habelos. Estes cambios responden a suxestións dos usuarios en prol dunha mellora do Proxecto. Tamén, debido á implantación das novas tecnoloxías, sobre todo ao uso da internet, decidimos non describir os folletos editoriais dado que se poden consultar nas páxinas web das editoras, información que consideramos suficiente, pola mesma razón eliminamos o apartado de Páxinas web, dada a proliferación de buscadores potentes, portais e blogs englobadores.
Finalmente, queremos manifestar como sempre o noso agradecemento a Mercedes Brea pola axuda e a información que nos prestou sobre Literatura medieval, e a todas aquelas persoas que ou ben realizaron a descrición dalgunha entrada ou ben colaboraron neste proxecto nalgún momento do proceso de elaboración ou nalgún aspecto puntual: María Jesús Agra Pardiñas (Ilustración), Cristina Collazo Gómez, Bárbara Ferreiro Barreiro, Cristina Negreira Barcia, Lorelay Simón Mejuto e Celia Vázquez García.
Blanca-Ana Roig Rechou |