CRPIH

Arquivo Galicia Medieval

  • O Proxecto pretende conservar e difundir a través de edicións impresas e electrónicas os textos en prosa escritos en galego durante a Idade Media.

  • A Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval (BiRMED) é unha base de datos que recompila a bibliografía publicada para os tres grandes campos que constitúen o obxecto de estudo do citado Arquivo (ARGAMED): Lírica Profana Galego-Portuguesa, Cantigas de Santa María e Prosa Literaria Medieval.

  • O proxecto naceu co obxectivo de proporcionar instrumentos de traballo fiables e de fácil acceso para os estudosos da lírica galego-portuguesa.

  • O Proxecto Cantigas de Santa María forma parte do proxecto ArGaMed, incorporando a parte de poesía relixiosa á lírica profana, tanto no que respecta á incorporación dos textos afonsinos á MedDB, como á complementación da base de datos bibliográfica.

Lingüística

  • O Corpus Documentale Latinum Gallaeciae é un corpus textual que se actualiza anualmente con documentación medieval en lingua latina relacionada con Galicia comprendida entre o século VI e o século XV, ambos inclusive, a partir das edicións dispoñibles. Nestes momentos (maio de 2019) conta con 16.263 documentos que recollen o contido de máis de 160 edicións de fontes documentais. Cada documento, debidamente escaneado e limpo de toda información editorial non latina, conta cunha cabeceira individual composta por 38 campos de información arquivística, cronolóxica e editorial. Abrangue os textos recollidos nos cartularios e coleccións dos centros monásticos, Samos, Sobrado, Oseira, Celanova, Xubia, Lourenzá, Carboeiro, Caaveiro, Antealtares, San Martiño Pinario, Melón, Montederramo, Ferreira de Pantón, Pombeiro, San Clodio do Ribeiro, Ferreira de Pallares, Fiães etc., así como documentación das sés catedralicias de Santiago, Mondoñedo, Lugo, Tui e Ourense e Ordes Militares.

  • O obxectivo deste proxecto é o desenvolvemento de ferramentas que permitan o recoñecemento e a análise automática do galego actual. En particular, ten especial interese o desenvolvemento dun etiquetador e lematizador de moi alta precisión que permita etiquetar e lematizar automaticamente os documentos do proxecto CORGA, e poder así desenvolver un sistema de consultas que utilice información lingüística (etiquetas, lemas, hiperlemas, subcategorías gramaticais etc.).

  • O Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades inclúe entre os seus obxectivos fundacionais o deseño e o desenvolvemento de recursos informáticos que axuden á incorporación da lingua galega ao mundo das novas tecnoloxías da información. Co proxecto CORGA preténdese contribuír a ese obxectivo poñendo á disposición da comunidade científica un recurso accesible a través de Internet que posibilite a obtención de datos para o estudo de aspectos morfolóxicos, sintácticos e léxicos da historia recente da nosa lingua.

  • IGALEX desenvolve varios proxectos de orientación lexicográfica: dicionarios xerais e vocabularios de linguas de especialidade que poñen en contacto o galego e o italiano. Ao mesmo tempo, realiza tarefas de asesoramento lingüístico para institucións e empresas do ámbito galego e contribúe á formación de estudantes de grao (ofertando materias de Lexicografía no Maior Plus, itinerario de italiano, Grao en Linguas e Literaturas Modernas) e mestrado (no Máster Erasmus Mundus EMLex) desde a perspectiva da lingüística e a lexicografía italogalegas.

  • O Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL) encárgase principalmente da coordinación xeral das actividades terminolóxicas relativas á lingua galega, da elaboración de recursos terminolóxicos sobre as distintas linguaxes de especialidade e da estandarización dos neoloxismos e o léxico científico-técnico en galego.

  • A construción dun sintetizador de voz para o galego, que se está a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, é un proxecto interdisciplinar no que traballa un equipo integrado por enxeñeiros superiores de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e lingüistas da Universidade de Santiago de Compostela.

  • Bibliografía analítica deseñada como base de datos relacional que ofrece información sobre traballos de investigación, divulgación e opinión que teñen por obxecto a lingua galega en calquera das fases do seu desenvolvemento histórico.

Literatura

  • Este proxecto, creado a finais do ano 2012, acolle os traballos de investigación que anualmente realizan sobre Literatura Infantil e Xuvenil galega e doutros ámbitos lingüísticos os membros da Rede Temática de Investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI); os da Asociación de Investigadores en Literatura Infantil e X/Juvenil ELOS; os da Asociación de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia; e os do Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela LITER21 (GI-1819) adscritos ás súas liñas de investigación: “Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas”.

  • Os “Informes de literatura” son un observatorio que recolle a produción anual de e sobre Literatura galega que se publica en Galicia e fóra dela, en galego e noutras linguas.

  • O proxecto “Bibliografía da literatura galega” ten por obxectivo reunir do xeito máis exhaustivo posible toda a información relacionada coa literatura galega contemporánea, dende 1800 até a actualidade. A orientación actual está na dirección de confluír co proxecto “Informes de literatura” xa que este último contén a bibliografía descrita de e sobre a literatura galega dende 1995 até a actualidade.

  • O proxecto está centrado na recuperación de textos literarios e publicacións de prensa anteriores a 1975. O obxectivo fundamental é a edición e actualización de obras e cabeceiras de difícil consulta nos seus orixinais, a compilación de textos dispersos en prensa para a súa edición por xunto e a publicación de obras de época que, por motivos diversos, ficaron inéditas.

  • Gran dicionario xeral de termos literarios, que inclúe voces referidas a Retórica, Métrica, Semiótica, Poética, Narratoloxía, Ciberliteratura, Hermenéutica, etc.

Outras Humanidades

  • Entre os seus obxectivos están a construción dun Tesouro Fraseolóxico galego, o impulso dos estudos fraseolóxicos e fraseográficos en Galicia e a tradución ó galego de obras de referencia da fraseoloxía eslava.

  • O proxecto botou a andar co obxectivo de deseñar probas que permitan a acreditación do coñecemento de lingua galega de acordo cos parámetros marcados por ALTE (Association of Language Testers in Europe).