ARRECADA
Táboa de contidos
Introdución
ARRECADA é un servicio posto en marcha en Termigal coa finalidade de arrecadar e someter a estudio e discusión problemas e propostas denominativas sobre termos cos que traductores, traballadores de servicios de normalización lingüística, científicos e outros profesionais se atopan na súa actividade diaria.
Con esta iniciativa tratamos de inaugurar un núcleo de referencia ó que acudir para sinalar un problema terminolóxico e para poñelo en común coas demais persoas interesadas no ámbito da terminoloxía. Pretendemos desencadear un intercambio de información, de suxestións, opinións e críticas que faciliten o labor de actualización terminolóxica da lingua galega.
As propostas deben facerse enchendo unha ficha cun formato unificado (véxanse as instruccións para cubri-las fichas). Estas fichas estarán depositadas nunha base de datos en Termigal, e poderán ser consultadas por Internet, para que sexan discutidas na lista de terminoloxía.
Tanto para poder introducir datos coma para podelos consultar será necesaria unha autorización previa, que deberá ser solicitada a través do sistema. Temporalmente este servicio está accesible sen restriccións.
Instruccións
O campo "termo galego" debe cubrirse sempre obrigadamente. Nel introducirase o termo galego que se propoña, pero se non se coñece debe inventarse un (mesmo que sexa de maneira arbitraria), porque este campo será o que vincule tódalas fichas que se refiren a un mesmo termo. De tódolos xeitos o termo galego, se se coñece, hai que introducilo outra vez, con tódolos seus atributos, no campo "termo".
Existe un único campo "termo" no que se introducirá calquera denominación, independentemente da lingua de que se trate: se é unha voz galega, seleccionarase a opción 'galego' no campo "lingua"; se é alemana, seleccionarase no campo "lingua" a opción 'alemán' etc.
No campo "tecnolecto" indicarase o campo de especialidade ó que pertence o concepto que se designa. Os tecnolectos sistematizaranse desde a coordinación de Termigal.
No campo "lingua" seleccionarase a lingua do termo que se introduza. ¿Como se sabe que o termo dunha lingua corresponde con outro termo doutra lingua? Gracias ó campo "termo galego" que ten que ser idéntico para tódalas denominacións de calquera lingua que correspondan a un concepto.
Termo problemático: este será un campo simplemente de SI ou NON. Debe marcarse con SI naqueles casos en que o termo non está ben estudiado ou cando se desconfía de que o que se propón presenta problemas, que poden ser aclarados no campo OBSERVACIÓNS. Pretende ser simplemente un campo de chamada de atención para un exame máis detido da proposta terminolóxica.
Fontes lexicográficas. Neste campo indicaranse as fontes lexicográficas ou terminográficas (diccionarios, vocabularios, léxicos, enciclopedias...) nas que se ten constancia de que o termo está documentado, pero non as documentacións de uso en textos.
Categoría. Será un campo pechado, no que o terminólogo só terá que escoller unha das opcións que se lle propón: s, v, adx...
Locución: marcar cando o sexa.
Xénero: marcar masculino e/ou feminino.
Réxime: marcar transitivo, intransitivo e/ou pronominal.
Nome científico. No caso de conceptos que teñan un nome científico latino ou grego, por ex. especies animais, botánicas... (pinus pinaster).
SIGLA / SÍMBOLO. Neste campo acóllense todo tipo de siglas e símbolos que representan o termo. Por ex., ADN (ácido desoxirribonucleico), Ag (prata), ONU (Organización das Nacións Unidas)...
Categoría da sigla. Funciona igual ó campo categoría do termo, pero referido á sigla.
Definición. Farase unha definición o máis precisa posible. O texto da definición debe abrirse coa etiqueta <df> e pecharse coa etiqueta </df>. Na maior parte dos casos tratarase de definicións recollidas dalgunha fonte; neste caso indicarase a continuación da definición, e antes da etiqueta de fin de definición, a fonte de onde está tomada. A fonte debe abrirse coa etiqueta <fn> e cerrarse coa etiqueta </fn> No caso de que existan varias definicións tomadas de distintas fontes pódense indicar todas, seguindo o mesmo sistema de etiquetaxe.
Contexto. Convén ofrecer un ou varios exemplos o máis claros que sexa posible nos que o termo apareza utilizado, con indicación para cada exemplo da fonte de onde está tomado. O sistema de marcaxe será semellante ó utilizado no campo "definición": o comezo do contexto marcarase con <ct> e o final con </ct>. Se se coñece a fonte indicarase, antes da marca de fin de definición, coas etiquetas <fn> ó comezo e </fn> ó final.
Etimoloxía / Orixe. Indicarase, cando se coñeza e dunha maneira simple, o étimo de onde procede o termo galego, ou ben a súa procedencia, se está tomado doutra lingua, ou os datos da súa formación. Debe facerse dunha maneira o máis sintética posible. Se é necesaria algunha explicación longa complementaria pode facerse no campo OBSERVACIÓNS.
Os "sinónimos" son tratados como entradas. Cando se pida a información sobre un termo determinado, aparecerán tódalas denominacións introducidas en tódalas linguas.
¡ÁNIMO!
Formulario
Por favor, lea detidamente este formulario, encha cada un dos apartados e envíeo premendo no botón "Enviar".
Importante: cando encha este formulario non utilice os símbolos < ou >. Na súa vez pode empregar as secuencias < e > respectivamente.
