Buscador Sobre TERGAL

Inicio

Inicio    

TERGAL versión 1.4

ISSN 2530-4917

TERGAL é un banco de datos terminolóxico que recolle as denominacións galegas recomendadas para diversos conceptos das linguas de especialidade e, de maneira especial, dos dominios científicos e técnicos. Os rexistros recollen información conceptual que axuda a identificar a noción á que fan referencia e, ademais dos termos recomendados en lingua galega, tamén inclúen equivalentes nas linguas de maior uso internacional e, en ocasións, noutras linguas románicas de menor difusión.

É un recurso en fase de desenvolvemento que contará cunha actualización periódica, a fin de completar os rexistros existentes con información complementaria e incorporar outros relativos a novos conceptos. A súa publicación en liña permite dar a coñecer as denominacións preferentes no galego, á vez que dota os especialistas e usuarios dunha ferramenta que facilita a resolución das súas dúbidas relacionadas co uso das linguas profesionais, xa que moitos termos, precisamente polo seu carácter especializado, non se incorporan á nomenclatura dos dicionarios xerais.

TERGAL é unha aplicación desenvolvida polo Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL) en colaboración co departamento de informática do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Foi creada a partir dun baleirado dos termos incluídos nalgunhas das publicacións deste servizo, corrixido e ampliado para dar cabida a outras áreas de interese, así como tamén aos termos puntuais consultados neste servizo e que xa contan coa aprobación do Seminario de Terminoloxía ou de Lexicografía da Real Academia Galega.

Esperamos que esta base de datos sexa de axuda tanto para a comunidade científico-técnica e académica como para os traballadores nas industrias da lingua e, en xeral, para todos os que nalgún momento da súa actividade necesiten botar man de terminoloxía especializada.

TERMIGAL, así como as institucións que o sosteñen (Real Academia Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades), coa progresiva posta en rede dos seus recursos,queren contribuír deste xeito ao proceso de normalización da lingua galega, e renderlle un servizo á sociedade á que se deben.


HTMLDB_LOW_USER