[Axuda]  
Logo CRPIH
Termos Estatísticas Acerca de
 
 
Inicio > Termo
Termo 
Regresar á pantalla de Buscas
  
 

canon [canon] (gr. κανών, 'regra, modelo')


Xeralmente, denomínase canon a un conxunto de obras dotadas de autoridade. O concepto así entendido comezou a usarse vinculado coa Biblia no século IV d. C. Incluíanse no canon todos os libros que a Igrexa católica consideraba sagrados. Pola contra, denominábanse apócrifos os libros que seguían a forma e o asunto daqueles que conformaban o canon, pero que carecían de autenticidade oficialmente recoñecida.

Na cultura grega clásica xa existían os canons, ou listas selectivas de autores. Cara a metade do século IV a. C. xa se consideraba en Atenas que Esquilo, Sófocles e Eurípides configuraban o "canon tráxico", pero as primeiras listaxes autorizadas de poetas, filósofos, dramáticos, historiadores, oradores, etc., realizáronas na época helenística os filólogos Aristófanes de Bizancio e Aristarco, nos séculos III e II a. C. Esta selección de autores denomínase canon alexandrino.

O primeiro canon non bíblico medieval foi o dos denominados Padres da Igrexa, seguida dos auctores medievais (listaxe de autores obxecto de estudo, tanto cristiáns como pagáns). Estas seleccións de obras permaneceron sen conflito até o xurdimento das linguas vernáculas durante o Renacemento, circunstancia que motivou as primeiras aplicacións do termo canon, en primeiro lugar, ao conxunto de obras que se podían atribuír lexitimamente a un autor determinado, pero tamén ao grupo de obras máis estimadas institucionalmente no contexto dunha cultura dada.

O canon literario percíbese como unha totalidade estática, se ben aberta. As calidades ou circunstancias que fan que unha obra se inclúa no canon constitúen a súa canonicidade. Convencionalmente, a canonicidade dunha obra estabelécese mediante un consenso de xeracións sucesivas de lectores e de críticos, así como polo grao de influencia na literatura posterior. Segundo este punto de vista, unha obra merece un posto no canon se continúa a ser lida e apreciada en contextos diferentes.

Algunhas circunstancias históricas poden determinar a formación do canon literario, como por exemplo a fortuna de transmisión oral anterior á imprenta, os efectos da censura e mesmo cuestións de dispoñibilidade das obras publicadas. Así mesmo, a formación do canon a miúdo está baixo o control dunha cultura oficial que favorece as obras que secundan os valores ideolóxicos, relixiosos e estéticos propios da tendencia dominante. Deste xeito, o canon está inserto nunha cultura e promove os modelos autoorganizadores desa actividade cultural. Neste sentido, dende a crítica feminista e, en xeral, dende os denominados estudos culturais, sublíñase que o canon literario favorece os homes europeos de raza branca e das clases media e alta e que exclúe os escritores doutras culturas e razas e as mulleres en xeral.

Itamar Even-Zohar (1990), no marco da teoría dos polisistemas, prefire falar de canonización para subliñar que a canonicidade non é un aspecto propio dun texto, senón unha categoría adquirida que se dá no repertorio ou conxunto de elementos que rexen a produción e a recepción dos textos. Así, o grupo que goberna o polisistema determina a canonicidade de certo repertorio e procura mantelo no centro, para evitar a súa substitución polo repertorio doutro grupo. Por outra parte, Harold Bloom (1994) propón o criterio puramente estético-literario no proceso da constitución do corpus canónico, como reacción ás lecturas ideolóxicas realizadas pola que el chama con desdén "escola do resentimento".

Voces relacionadas: autor centro/marxe sistémicas.


Tamén se denomina canon unha forma poético-musical da himnografía sacra bizantina tardía (ss. VII-IX d. C.). Compúñase dunha secuencia de himnos autónomos ( odas inspiradas en cantos bíblicos) diferentes entre si en canto a verso e melodía, con dúas ou máis estrofas modeladas sobre unha estrofa-clave ( irmo). Na forma orixinaria deste canon as odas eran nove, aínda que durante a Coresma se reducían a tres.

Voces relacionadas: himno.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.