[Axuda]  
Logo CRPIH
Termos Estatísticas Acerca de
 
 
Inicio > Termo
Termo 
Regresar á pantalla de Buscas
  
 

cronotopo [cronotopo]

Concepto introducido e elaborado pola teoría da relatividade de Einstein que foi formulado nos estudos literarios polo teórico ruso Mikhail Bakhtín (1937-38), no marco dos seus importantes traballos dedicados á teoría da novela, na que xa alcanzara recoñecemento coas súas investigacións sobre a obra de Dostoievski (1929). Mediante a noción de cronotopo Bakhtín pretendeu referirse ao carácter indisolúbel de tempo e espazo –o tempo como cuarta dimensión do espazo– tanto na forma como no contido das expresións literarias. O cronotopo literario caracterízase pola intersección destas dúas dimensións: os elementos do tempo revélanse no espazo, á vez que o espazo é medido e entendido a través do tempo. Os estudos que Bakhtín dedicou ao cronotopo céntranse principalmente na novela, tentando mesmo estabelecer unha tipoloxía considerada parte dunha poética histórica; varios dos seus máis coñecidos ensaios (1975) tentan demostrar a maneira en que os distintos cronotopos tipolóxicos determinan as variantes do xénero novelesco ao longo da historia e sobre todo nas etapas temperás da súa evolución. No marco dos grandes cronotopos tipolóxicos atópase ademais un número ilimitado de cronotopos máis pequenos, que poden coexistir, combinarse, confrontarse, sucederse, etc., e que están interrelacionados dialoxisticamente.

O cronotopo ten ademais unha sinalada relevancia temática, pois con frecuencia é centro organizador dos principais acontecementos do argumento da novela. Subliñou tamén Bakhtín a súa relevancia figurativa, dado que no cronotopo se concretan os devanditos acontecementos, é dicir, constitúese no modo de representalos en imaxes. Os elementos abstractos da novela, as xeneralizacións filosóficas, as ideas, os valores adquiren vida e corpo por mediación do cronotopo, que se converte, en definitiva, na súa expresión artística. Bakhtín chegou mesmo a afirmar que a imaxe literaria é necesariamente cronotópica.

O cronotopo determina así mesmo a unidade artística da obra literaria nas súas relacións coa realidade. Existen cronotopos que serven para asimilar a "verdadeira" realidade temporal e que permiten reflectir e introducir no plano artístico da novela momentos desa realidade. Con todo, Bakhtín aclarou que a asimilación do cronotopo histórico-real na literatura ten lugar nun proceso complicado e discontinuo.

Entre os distintos cronotopos tipolóxicos que se estabelecen na obra bakhtiniana, dedicada principalmente ás diversas variantes da novela europea, pódense destacar o cronotopo do encontro, no que predomina o elemento temporal e ligado a el o cronotopo do camiño. O camiño é o lugar de preferencia dos encontros, o espazo onde poden atoparse casualmente representantes de todos os niveis e estratos sociais, todas as relixións ou nacionalidades. De feito, como punto privilexiado de entrelazamento dos acontecementos, o camiño desempeña un importante papel temático na historia da novela, dende a novela bizantina ou grega á novela cabaleiresca, a novela de aventuras, a novela picaresca ou a novela histórica rusa.

No caso da novela gótica, a partir de finais do século XVIII en Inglaterra, e máis tarde no caso da novela histórica, imponse o cronotopo do castelo, como un espazo impregnado do tempo do pasado histórico. Con Honoré de Balzac e Stendhal e con eles toda a novela realista, concrétase o cronotopo do salón-recibidor, que adquire plenitude de significación como lugar de intersección das series espaciais e temporais da novela. No salón-recibidor prodúcense os encontros xa non casuais e xéranse os nós argumentais e os desenlaces da novela. O máis importante deste cronotopo, segundo Bakhtín, é a combinación do eido histórico e público co eido do particular e do privado. Tempo histórico e tempo biográfico-cotián resultan así estreitamente relacionados. Porén, non é este o único cronotopo da novela realista; tamén desenvolve unha función relevante a pequena cidade provinciana, o lugar onde se revela o tempo banal e cíclico da vida cotiá, a repetición do habitual.

Recoñécese a presenza de cronotopos específicos nas diferentes literaturas. No caso da literatura galega podería pensarse, por exemplo, no cronotopo do pazo, espazo definido por unha unidade con singular entidade cultural e temporal, ou no cronotopo da lareira, lugar de encontro con posibilidades de apertura cara ao fantástico.

Voces relacionadas: espacialización novela temporalización.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.