[Axuda]  
Logo CRPIH
Termos Estatísticas Acerca de
 
 
Inicio > Termo
Termo 
Regresar á pantalla de Buscas
  
 

ciencia ficción [ciencia ficción] (da expresión inglesa Science fiction)

Modalidade narrativa que explora as consecuencias verosímiles e virtuais de certas transformacións radicais, fundamentadas nunha argumentación cientifista, das condicións da existencia humana. Os relatos resultantes son eminentemente fantásticos, pero a miúdo se basean en elementos reais, de xeito que o exercicio imaxinativo resulta compatíbel coa reflexión crítica sobre a vida humana. Así mesmo, este xénero amosa unha gran variedade de temas e de ideas: viaxes a outros mundos ou no tempo, exploración do espazo, invasións extraterrestres, mundos paralelos, catástrofes ecolóxicas, etc. O relato de ciencia ficción pode nutrirse da revolución tecnolóxica e científica en dous sentidos: ou ben a ciencia é considerada como a salvación nunha versión relixiosa do humanismo científico ( ciencia ficción utópica), ou ben se satiriza un mundo tecnificado e aséptico onde o individuo non pode pensar libremente ( ciencia ficción antiutópica).

A expresión ciencia ficción foi popularizada por Hugo Gernsback, editor da revista Amazing Stories, a partir de 1926. Con anterioridade, este tipo de obras foi denominado novelas científicas ( scientific romances).

Os precedentes remotos da moderna ciencia ficción atópanse xa nas obras de Luciano de Samosata, como Verae Historiae ( c. 150 d.C.), na que o heroe visita a lúa e o sol e mesmo se implica nunha guerra interplanetaria. A ciencia ficción tamén se pode inspirar nos relatos utópicos, como Utopia (1516), de Tomás Moro e Discovery of a New World in the Moone (1638), de John Wilkins. A obra de Jonathan Swift Gulliver's Travels (1726) tamén contén elementos propios da ciencia ficción, pero os verdadeiros antecesores do xénero considérase que foron Mary Shelley, co seu Frankenstein (1918), e Edgar Allan Poe coas súas historias de suspense abertas ao fantástico e ao irreal.

Impulsaron e popularizaron o xénero da ciencia ficción Jules Verne ( Voyage au centre de la terre, 1864) e Herbert George Wells ( The Time Machine, 1895). No século XX as guerras mundiais propiciaron a propagación de temas de carácter catastrófico e apocalíptico ( People of the Ruins, 1920, de Edward Shanks), o xurdimento dunha nova raza humana ( Brave New World, 1932, de Aldous Huxley) e o advento de réximes represivos ( Nineteen Eighty-Four, 1949, de George Orwell). Outras obras posteriores de ciencia ficción que se deben ter presentes son Childhood's End (1953) e 2001: A Space Odyssey (1968), ambas as dúas de Arthur Charles Clarke, Solaris (1961), de Stanislaw Lem, e The Earthsea Trilogy (1968-72), de Ursula Kroeber Le Guin.

A ciencia ficción, moitas veces relegada ao eido da subliteratura, foi adquirindo progresivamente un maior respecto e recoñecemento e mesmo exerceu unha notábel influencia sobre a literatura posmoderna, de xeito que foi cultivada por diversos autores que tamén practicaron outros xéneros literarios, como Thomas Pynchon, Kurt Vonnegut, Doris Lessing, Michael Moorcock, J. Leven e Italo Calvino.

O xénero da ciencia ficción propagouse, sobre todo, na literatura de lingua inglesa e, en menor grao, na francesa e acadou unha forte presenza noutras modalidades narrativas como o cinema ou o cómic. No ámbito hispánico é escasa a produción deste xénero. Na literatura galega atópanse exemplos como Galaxia lonxana (1995), de Lois Fernández Marcos e Soños eléctricos (1994), de Ramón Caride Ogando.

Voces relacionadas: literatura apocalíptica literatura fantástica menipea novela de aventuras utopía.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.