[Axuda]  
Logo CRPIH
Termos Estatísticas Acerca de
 
 
Inicio > Termo
Termo 
Regresar á pantalla de Buscas
  
 

hendecasílabo [hendecasílabo] (gr. ἕνδεκα, 'once', e συλλαβή, 'sílaba')

Verso de once sílabas considerado comunmente como o máis longo dos simples, isto é, daqueles que non requiren dende o punto de vista métrico unha cesura. Porén, non resulta inusual atribuírlle unha estrutura binario-asimétrica, como fan Tomás Navarro Tomás (1966) e Rudolf Baehr (1962), ao consideralo composto por dous hemistiquios separados por unha cesura. Na poesía moderna o hendecasílabo, de acordo con esta maneira de ver as cousas, mesmo tendería a acentuar o seu desequilibrio métrico mediante o uso de estruturas ternarias. A aparición dos hemistiquios en cadencia menor ou maior xunto coa distinta combinación de acentos rítmicos primarios e secundarios no verso dá lugar aos diferentes tipos de hendecasílabo.

Deixando agora de lado os intentos de lexitimar o hendecasílabo a partir de distintas combinacións métricas da antigüidade clásica, as primeiras manifestacións romances deste metro aparecen en francés e provenzal, conceptuadas como decasílabos no sistema métrico propio destas tradicións literarias. Polo que respecta á península Ibérica, as testemuñas máis antigas débense aos trobadores galego-portugueses e ao seu uso do decasílabo medieval:

O que veer quiser, ai cavaleiro
María Pérez, leve algun dinheiro.
(Johan Vasquiz de Talaveira).

O hendecasílabo que se impuxo na métrica hispánica é o italiano, así chamado por ter a súa orixe na lírica italiana do Renacemento. Xa o Marqués de Santillana fixera un primeiro intento de adaptación ao castelán deste tipo de hendecasílabo nos seus Sonetos fechos al itálico modo, pero foron Boscán e Garcilaso de la Vega os que o asentaron definitivamente na literatura castelá. Pasou a ser dende entón un metro moi frecuente na métrica hispánica, como apunta Antonio Quilis (1993). Foi utilizado de maneira reiterada polos poetas españois dos Séculos de Ouro, especialmente na forma do soneto e dende entón converteuse no verso clásico da considerada poesía culta.

Navarro Tomás recoñeceu até cento setenta e unha clases de hendecasílabo segundo a cadencia e distribución da totalidade dos acentos no verso. Con todo, a clasificación máis común dos hendecasílabos de tipo italiano é a seguinte:

O hendecasílabo a minore (con distintos subtipos como o impropio, o sáfico, o horaciano ou o equidistante, que ás veces, por extensión, denomina a clase xenérica como tal) caracterízase por presentar cadencia menor, é dicir, que o primeiro hemistiquio conta con menos sílabas que o segundo. Consta de dous acentos principais, un en cuarta e outro en sexta ou oitava sílabas, ademais do obrigado en décima.

Exemplo:
...
brota da terra un misterioso canto;
raios de branca lus tinxen o ceo;
rompe a mañá do celestial encanto.
(Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra, 1880)

O hendecasílabo a maiore (tamén denominado común ou propio) caracterízase por presentar cadencia maior, é dicir que o segundo hemistiquio é máis breve que o primeiro. Presenta acento primario en sexta sílaba. Distínguense varios subtipos deste metro:

O hendecasílabo enfático, que leva, ademais do dito, acento en primeira sílaba.

Exemplo:
Orfo ende que nacera, á sorte triste
Déralle por herencia ó desconsolo...
(Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, 1872)

O hendecasílabo heroico ou iámbico, pola súa parte, presenta acentos en segunda e sexta sílabas.

Exemplo:
O tempo foi deitarse antr'as montanas
no leito branco e mol das nubens mortas.
(Luís Amado Carballo, Proel, 1927)

Por último, o hendecasílabo melódico ou anapéstico, que ten acentos en terceira e sexta sílabas.

Exemplo:
Lapear de fogueira, viva e forte,
hastra o sol o levanta, entre conxuros.
(Aquilino Iglesia Alvariño, Lanza de soledá, 1961).

Isabel Paraíso (2000) distingue, pensando fundamentalmente na lírica castelá e recollendo unha distinción periodolóxica xa tradicional, un grupo de hendecasílabos hispánicos ou antigos, anteriores á consolidación do hendecasílabo italiano no século XVI: o hendecasílabo dactílico, tamén coñecido, na métrica castelá, como de gaita gallega ou de muiñeira, polo seu ritmo tan parecido ao da danza galega e que presenta acentos en cuarta, sétima e décima sílabas; o galaico antigo, composto por un hexasílabo e un pentasílabo e con acentos en quinta e décima sílabas; e o hendecasílabo a la francesa, con acento en cuarta sílaba sobre palabra aguda ademais de en décima e en sexta ou oitava.

Outros tipos de hendecasílabo son o provenzal, apuntado por Fernando Lázaro Carreter (1968), que presenta acento na cuarta sílaba seguido de cesura, lírica ou épica, e o hendecasílabo polirrítmico, denominación resultante do emprego das distintas clases de hendecasílabo nunha mesma composición.

Un exemplo de soneto escrito en hendecasílabos polirrítmicos, atópase na obra Ausencias pretéritas (1990), de Miro Villar:

Entra na eternidade do meu sono,
derrete nós e pólas desta friaxe,
amortece os silencios da paisaxe,
espida carballeira dun outono.

Senta libre no colo do meu trono,
acende as regandixas da roupaxe,
interrompe os segredos desa imaxe,
presencia de cristal da que son dono.

Enxuga as bágoas, chuvia azul e prateada,
embebece a dor, auga mel rancia,
dictadura de prantos non humanos.

Durmiña co meu peito de almofada,
enmudece escoitando na distancia
leves, lonxanos, cantos araucanos.

Respecto á combinatoria do hendecasílabo, este úsase como verso exclusivo nas seguintes estrofas: tercetos, cuartetos, oitavas reais, sonetos ou romances heroicos. Aparece en combinación con heptasílabos en seguidillas, liras, silvas e estanzas.

Voces relacionadas: arte maior cuarteto hemistiquio muiñeira pé métrico.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.