[Axuda]  
Logo CRPIH
Termos Estatísticas Acerca de
 
 
Inicio > Termo
Termo 
Regresar á pantalla de Buscas
  
 

crónica [crónica]

Modalidade historiográfica de carácter narrativo que, a partir da compilación e ordenación de materiais de procedencia diversa, presenta a secuencia de acontecementos considerados como máis significativos dun determinado período e, ás veces, dun episodio particular ou mesmo dunha personalidade histórica. É unha das formas máis salientábeis da historiografía medieval. A función que se lle atribúe polo xeral é a de gardar memoria dos feitos dignos de lembranza. De aí a acepción moderna de cronista como testemuña e garante do coñecemento amplo de sucesos e acontecementos de distinto tipo. É un dos antecedentes das formas historiográficas modernas e de xéneros como a biografía.

Adóitase considerar a crónica como unha forma historiográfica superior á dos anais en virtude do seu artellamento ao redor dun tema ou núcleo central (reinado, personaxe, empresa...), da presenza relevante das estratexias narrativas e da súa arela globalizadora. Porén, Hayden White (1987) destacou a relación cos anais na disposición estritamente cronolóxica dos feitos e na carencia dunha conclusión do relato merecedora de tal nome. Por outra banda, e sen saír da teoría historiográfica, cómpre lembrar a coñecida oposición croceana entre historia e crónica que enfronta dúas actitudes diversas cara ao pasado: a relevancia e a pertinencia da primeira fronte ao carácter erudito e inactual da segunda á hora de enfrontar a relación co tempo ido. Así o resumiu o propio Benedetto Croce (1916): "Toda historia vólvese crónica cando xa non é pensada, senón só recordada nas palabras abstractas que nun tempo foron concretas".

A historiografía peninsular céntrase, até principios do século XIII, no dominio castelán-leonés e máis especificamente no reino de León, xa que fóra del apenas se redactaron algúns anais e outras mostras historiográficas moi rudimentarias. Galicia e Portugal permaneceron alleas á aparición no século IX da historiografía neovisigótica asturiana en latín, liña que culminaría coas obras de Lucas de Tui, Jiménez de Rada e o obradoiro de Alfonso X.

Os tímidos ensaios de carácter histórico que apareceron en Portugal non gardan ningunha conexión coa historiografía que se estaba a elaborar no centro da Península; o interese pola historia traduciuse nesa época nun xénero híbrido, os livros de linhagens, que aparece, máis que por motivacións historicistas, por razóns de índole práctica.

Só a fins do século XIII e comezos do XIV o desenvolvemento dunha cultura laica deu lugar ao nacemento en Portugal, fóra dos centros de cultura relixiosa do tempo, dunha historiografía en lingua galego-portuguesa que non procede da neo-isidoriana en lingua latina. Nesas coordenadas, presenta singular interese a perdida Corónica Galega ou Cronicón Galego-portugués, que se coñece grazas ás citas transcritas polo bacharel Cristovão Rodrigues Acenheiro. Estes fragmentos permitiron a Diego Catalán deducir que a historiografía occidental producira, cara a 1340, unha crónica referida ao ámbito peninsular non moi extensa, superadora da simple compilación analítica e allea á tradición neo-isidoriana que utilizaría un Liber Regum con interpolacións dalgúns relatos lendarios.

O occidente peninsular mostrouse máis receptivo á historiografía en lingua vulgar promovida por Alfonso X. Esta ofrecía unha historia de toda a Península que, dende finais do século XIII, deixou de reflectir o punto de vista monárquico para recoller o ideario político-moral da aristocracia. A historiografía en lingua galego-portuguesa xorde durante o reinado de Don Denis (na primeira metade do século XIV), baixo a influencia da historiografía castelá, e non "prolonga nem reflecte qualquer escola de historiadores occidentais que tivesse usado nas súas obras a língua latina".

Cando Don Denis mandou traducir a Crónica do árabe Ahmed Arrazi, adoptou unha iniciativa semellante á do seu avó; non obstante, a formación dunha póla galego-portuguesa da escola alfonsina débese á iniciativa persoal do seu fillo, Don Pedro de Barcelos, fortemente influenciado polos modelos historiográficos casteláns.

Esa dependencia de Castela manifestouse inicialmente na tradución ao galego-portugués dalgúns textos. Entre eles destacan ese modelo de "historia novelesca" representado pola Crónica de Castela e a versión galega da Crónica Xeral (a tradución destas dúas prolongacións da Estoria alfonsina foi froito dunha única iniciativa, de xeito que chegaron a nós xustapostas nun único manuscrito), ou a sección consagrada a Portugal na Crónica de Vinte Reis, o produto da escola castelá que maior atención prestaba á historia do reino lusitano. Así pois, a historiografía en lingua galego-portuguesa comezou por un grupo de traducións, quizais no propio reino de Castela e León, feitas por portugueses ou galegos, pero destinadas aparentemente a lectores portugueses.

Con todo, pronto se superou esta fase de simple tradución e o Conde de Barcelos redactou en 1343 o seu Livro das Linhagens, ampliando e actualizando os datos de livros de linhagens anteriores. A súa novidade non radica tanto na riqueza da información como no seu intento de escribir un nobiliario de carácter supralocal, hispánico. Para isto, enmarcou a historia xenealóxica nunha rudimentaria historia universal.

Tamén movido polo exemplo do seu bisavó, o Rei Sabio, Pedro de Barcelos pretendeu reunir unha serie de textos auxiliares que puidesen ser empregados na composición das súas obras; isto demóstrao a reiterada utilización nas obras galego-portuguesas do século XIV dun conxunto de fontes tan dispares como o Liber Regum, o Corpus Pelaguanum, a versión galega da Crónica Xeral e da Crónica de Castela, a Crónica de Vinte Reis e a Crónica de Rasis.

Algo despois, o de Barcelos afrontaba a súa obra máis orixinal, unha Crónica Xeral de España baseada en materiais da escola alfonsina. Esta Crónica de 1344 consérvase en diversos manuscritos, portugueses e casteláns, que reflicten dúas redaccións distintas: a primitiva é unha refundición posterior a 1404 que difire da primeira na expresión e no contido. A edición preparada por Luís Filipe Lindley Cintra (1951-1954) demostrou, de modo definitivo, a súa orixe portuguesa e a identidade do seu impulsor. E, se a lingua na que se redactou foi a galego-portuguesa, o nacionalismo do cronista maniféstase ao interpolar na narración detalles ou episodios de especial significación para Portugal. Ese nacionalismo agroma, novamente, na segunda redacción.

A fonte inmediata máis importante da Crónica de 1344 é a versión galega da Crónica Xeral, que facilitou ao conde a base do seu traballo dende o reinado de Ramiro I até o de Fernando III; procurou completala con interpolacións doutras fontes, mais realizounas sen criterios claros: cando lle falla a apoiatura da Versión galego-portuguesa, revélase extremadamente inhábil para combinar os heteroxéneos materiais historiográficos que conseguira reunir.

O último elo desta longa cadea leva até a Crónica Xeral de 1404, manifestación epigonal da escola alfonsina, na que un compilador non moi competente vai engarzando con pouca fortuna materiais procedentes da versión galega da Crónica Xeral, da Primeira Crónica General de Alfonso X, de Pelayo de Oviedo, da Conquista de Ultramar de Guillermo de Tiro e doutras variadas procedencias. Trátase xa, porén, dun xeito de historiar absolutamente anacrónico, que non resiste a comparación cos novos modos historiográficos que estaban a se impoñer na Península.

Voces relacionadas: anais historia livros de linhagens narración.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.