[Axuda]  
Logo CRPIH
 
 
Referencia    
 

monólogo interior [monólogo interior]

Técnica de representación da conciencia dos personaxes a través da cita directa dos seus pensamentos. É frecuente empregar como sinónimo desta etiqueta a expresión corrente de conciencia ( stream of consciousness), creada polo psicólogo William James (1890) para denominar o fluxo continuo de percepcións sensoriais, pensamentos, sentimentos e recordos da mente humana. Cómpre aclarar, con todo, que o procedemento narrativo, dende o momento en que reduce a palabras a experiencia psíquica, só reflite a dimensión verbal da mesma, isto é, o discurso silencioso efectivamente construído pola mente ficional. Trataríase, xa que logo, dun intento de mímese do que os psicólogos chaman linguaxe interior, palabra interior ou endofasia, fenómeno de alcance máis restrinxido que o da corrente de conciencia. A constatación desta diferenza leva a algúns autores como Dorrit Cohn (1978) a rexeitar a utilización de corrente de conciencia para nomear a técnica narrativa. Cohn suxire mesmo a substitución de interior, modificador ao seu xuízo redundante, por citado ( quoted).

(...) o vello reloxio pode que estea por aquí, ai meu pobre, por onde me andará, seguro seguro que mo comeron as couzas, e a vella radio, as vellas cousas desterradas no faiado, vellísimas e cubertas de po, tempo e escuridade, e tearañas antigas, ¿lembras? acha-la lonxitude dun xardín circular que ten de radio sete metros,
xa eu nada de todo iso, señor, pero a quen lle importa, son cadernos de follas con garabatos marelos, ui, a miña enciclopedia,
fillos de Santiago Rodríguez Burgos, ademais da capital, Tetuán, a
posesión española do Rif ten as seguintes poboacións de importancia

(Lois Xosé Pereira, As horas de cartón, 1985).

Ao describiren a evolución histórica do monólogo en narrativa, os estudiosos coinciden en sinalar dúas etapas fundamentais, delimitadas pola aparición do Ulysses (1922), de James Joyce, que marca un punto de inflexión no xeito de concibir a cita do pensamento. Na súa obra Le Monologue intérieur (1931), Edouard Dujardin, autor da novela considerada antecedente do monólogo joyceano, Les Lauriers sont coupés (1888), estabelece por vez primeira esta distinción, segundo a cal a primeira etapa correspondería ós monólogos que se atopan en novelas máis ou menos tradicionais (Henry Fielding, Charles Dickens, Stendhal) e a segunda abranguería os monólogos inseridos nas chamadas novelas de corrente de conciencia (James Joyce, Virginia Woolf, William Faulkner). As diferenzas entre os dous tipos descritos, denominados monólogo tradicional ou soliloquio silencioso e monólogo interior, respectivamente, afectan a aspectos psicolóxicos e estilísticos: o monólogo interior preséntase como asociativo, ilóxico e espontáneo, fronte ao soliloquio, caracterizado como retórico, racional, deliberado; ó monólogo interior atribúenselle períodos discontinuos, elipses, anacolutos, etc., mentres que o soliloquio se define por trazos discursivos máis convencionais. Para Dorrit Cohn, aínda que esta división ten certa validez histórica, é moi difícil delimitar se un texto é ou non propiamente un monólogo interior; en efecto, moitas citas de pensamento (en relatos pre- e postjoyceanos) están constituídas combinando os modelos lóxico e asociativo. A proposta de Cohn consiste, xa que logo, nunha aproximación tipolóxica ao fenómeno.

Con todo, é posíbel esbozar, en liñas xerais, a traxectoria deste procedemento narrativo. Contra a metade do século XIX convértese nunha técnica plenamente recoñecida, coa particularidade de que neste momento o monólogo se presenta como discurso pronunciado en voz alta, herdanza da tradición do soliloquio no teatro e na epopea. Este carácter audíbel da palabra no monólogo, estraño ao código da sinceridade da tradición romántica, desaparece a medida que aumenta o ritmo do cambio do discurso do narrador ao discurso do personaxe. Esta tendencia á mestura de voces chega ao seu punto culminante no Ulysses, onde a ausenza de fórmulas introductorias (do tipo "pensou el") e de signos tipográficos especiais (comiñas, cursiva) propicia a indiferenciación dos discursos. Ademais, nesta obra sublíñase a fusión entre narrador e personaxe a través do "contaxio estilístico" ao que se somete o contexto narrativo no que se insire o monólogo; deste xeito, as citas do pensamento de Leopold Bloom e Stephen Dedalus están enmarcadas nun contexto no que a voz do narrador incorpora trazos do idiolecto de cada un dos personaxes. Porén, como sinala Cohn, a cita de palabras mudas non implica unha toma de postura do narrador polo personaxe, é dicir, monólogo interior non equivale a focalización interna. De feito, esta técnica utilízase en ocasións para acentuar ironicamente a distancia existente entre a "lucidez" do narrador e a "cegueira" do personaxe.

Con respecto á cuestión da mímese no monólogo interior, non resulta doado determinar qué modelo de linguaxe se ha adoptar como punto de referencia, por canto este tipo de discurso pretende imitar unha realidade lingüística oculta. Neste sentido, é posíbel illar dúas tendencias estilísticas fundamentais. En primeiro lugar, Joyce e os seus continuadores trataron de plasmar o curso espontáneo dos movementos psíquicos a través dunha serie de trazos que se estabeleceron como definitorios do monólogo, fronte ós trazos característicos do diálogo: alternancia libre entre os pronomes de primeira e segunda persoa referidos ao mesmo suxeito, abundancia de preguntas retóricas, exclamacións, interxeccións, frases inacabadas, emprego dun idiolecto "íntimo" (abreviación sintáctica, opacidade léxica), etc. A segunda tendencia recorre, pola contra, á utilización da linguaxe da conversa común dentro dos monólogos. Este conservadurismo formal responde a unha vontade por parte dos novelistas de priorizaren a comprensibilidade das súas obras sobre as posibilidades de experimentación estilística que ofrece o monólogo interior.

Dorrit Cohn presta atención específica ao que ela denomina monólogo autocitado ( self-quoted monologue), isto é, a aqueles monólogos que se atopan inseridos dentro dun relato en primeira persoa. Este tipo de cita do pensamento presenta algunhas particularidades dignas de mención, alleas aos monólogos das narracións en terceira persoa. Por unha parte, prodúcese unha confusión entre os pensamentos do pasado (eu-personaxe) e os do presente (eu-narrador). Por outra, xorde un problema de credibilidade, dado que un narrador en primeira persoa só pode recordar os seus propios pensamentos se simula ter unha memoria perfecta.

Exemplo:
¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é para menos. Porque nel devorco todo o que sinto. Moi pouca xente o fai. Todos abren o peteiro para dúas cousas; para dicir a verdade ou para arredarse dela.

(Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, 1961)

Por último, Cohn refírese ao monólogo autónomo, discurso en primeira persoa non mediatizado por ningunha voz narrativa, aparentemente autoxerado. A autonomía deste tipo de textos pode ser completa, cando o monólogo constitúe a totalidade da obra (como en Les Lauriers sont coupés), ou parcial, se está integrado nunha obra máis ampla (como é o caso do monólogo que pecha o Ulysses). As características máis sobranceiras do monólogo autónomo son: o inicio e o final in medias res, o predominio da sintaxe exclamativa, a tendencia a evitar os tempos narrativo e "citativo" e a inestabilidade da deíxe pronominal. A ausencia de elementos narrativos nesta clase discursiva póna en relación cos dous xéneros non narrativos: a lírica (sobre todo en formas como o poema escénico) e o drama (no monólogo dramático).

O relato titulado "Monólogo" do libro Vento ferido, de Carlos Casares, constitúe un caso claro de monólogo autónomo. Tamén poden atoparse moitos exemplos na novela Tic-Tac, de Suso de Toro.

Voces relacionadas: enunciación estilo directo libre monólogo narrado narrador personaxe psiconarración soliloquio.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.