[Axuda]  
Logo CRPIH
 
 
Referencia    
 

mascarada [mascarada]

Representación teatral, de orixe cortesá, interpretada por nobres con máscaras, que combinaba partes dialogadas con outras cantadas e danzadas. Este tipo de espectáculo adquiriu a súa forma en Italia no século XV, aínda que se perfeccionou en Inglaterra durante os séculos XVI e XVII, cando actores enmascarados e vestidos con traxes moi fastosos interpretaban personaxes mitolóxicos ou alegóricos e protagonizaban un debate. Polo xeral, estas pezas dramáticas afirmaban a relación entre a realeza e a divindade que loitaban xuntas contra as forzas do mal. As representacións satíricas feitas antes dunha mascarada denominábanse antemascaradas ( antimasques). O xénero das mascaradas derivou nos primeiros recitativos e nas óperas handelianas. As mascaradas tiveron moito éxito en Inglaterra da man de Ben Jonson (1572-1637) e Iñigo Jones (1573-1652) nos primeiros decenios do XVII.

Desde un punto de vista popular carnavalesco, conta cunha ampla tradición, como sucede, por exemplo, en Galicia. Neste sentido, as mascaradas da Ulla axústanse ao modelo en forma de debate. O máis habitual é que un dos xenerais ou dos correos-mensaxeiro protagonice un diálogo cun veciño que vai evolucionando desde o ataque até chegar á paz e á concordia, que logo conclúe en música e baile. Aínda que comezaron sendo en prosa, a partir da década de 1930, apareceron en verso, redactadas con anterioridade e memorizadas logo polos actores. Xosé Manuel González Reboredo (2006) recorda algúns dos seus trazos: os correos e os xenerais son as figuras máis distintivas deste Entroido e case sempre van montados a cabalo. Este grupo vai acompañado de dous coros, un de nenos e outro de vellos; outros enmascarados que representan oficios locais -como limpabotas, sacamoas, carabineiros ou zapateiros, entre outros- acompañáñanos a pé. En xeral, aproveitan melodías populares da actualidade ás que se lles crean textos en castelán para o Entroido.

Voces relacionadas: alegoría carnaval debate farsa máscara ópera.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.