[Axuda]  
Logo CRPIH
 
 
Referencia    
 

lexibilidade [lexibilidade]

Virtude que posúe un texto de resultar accesíbel. Entre os elementos que afectan á lexibilidade atópanse o formato, a tipografía, o contido, o estilo literario, o vocabulario, a complexidade das frases, a escuridade das ideas ou do tema, a coherencia... Tamén interveñen as condicións do lector, como as súas motivacións, competencias e intereses.

Nun sentido semiolóxico, Roland Barthes (1970), a partir da novela Sarrasine, de Honoré de Balzac, reflexionou sobre o paso dende a lexibilidade ( lisibilité) simple, caracterizada pola irreversibilidade das accións (de tipo clásico), a unha lexibilidade complexa, sometida ás forzas de dispersión e de reversibilidade dos elementos simbólicos, destrutores do tempo e da racionalidade. En consecuencia, e tendo en conta o criterio da intelixibilidade, diferenciou entre textes lisibles e textes scriptibles. Os lisibles inician unha relación co lector en función dun modelo de narrativa tradicional, na que existe unha lóxica interna das accións. Os textos scriptibles, pola súa parte, lense con dificultade pero fan do lector non un mero consumidor senón un produtor do propio texto. Representantes deste segundo modelo serían Lautréamont, Antonin Artaud e Georges Bataille. Ademais destes dous tipos, Barthes propuxo o texto recevable, ao que Vincent Jouve (1986) concedeu máis valor que os escribíbeis, afastado do texto lexíbel posto que o seu trazo distintivo é a ilexibilidade; ao mesmo tempo, dada a súa desorganización, non posúe o carácter propio do texto escribíbel, é dicir, o de reflectir o desexo da escritura.

A distinción de Barthes tivo un grande impacto na crítica literaria e tamén na teoría do hipertexto e nas súas prácticas (narrativa dixital). A idea do texto escribíbel permitiulle a George Landow (1995) caracterizar o papel do usuario nas narrativas multiformes, nas que a través de diferentes ligazóns, o lector pode activar cada un dos elementos constitutivos do texto, sexan lexías ou enlaces. Neste sentido, na forma de escritura xerada en contra da autoridade do autor, o lector convértese en intérprete "promiscuo" e creador dun texto aberto.

Voces relacionadas: competencia escritura Estética da recepción interpretación lector lexía páxina perspicuitas recepción tipografía tópico.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.