[Axuda]  
Logo CRPIH
 
 
Referencia    
 

calembur [calembur] (voz francesa)

Xogo de palabras consistente no reagrupamento das mesmas sílabas en distintas palabras, de xeito que se produzan sentidos diversos. Trátase dunha articulación distinta dos mesmos elementos da cadea sonora, polo que resultan diferentes unidades léxicas. Esta diferenza de segmentación apréciase facilmente na lingua escrita, pero na fala é sumamente ambigua, polo que o calembur constitúe un procedemento moi usado nas adiviñas.

O calembur foi coñecido e empregado dende a Antigüidade. De feito, o dobre sentido dos oráculos residía en equívocos desta natureza. Así, pódese atopar o emprego do calembur nas obras de Aristófanes, Plauto e Cicerón.

Entre as linguas románicas, a francesa foi a que máis se prestou a este xogo de palabras. Algúns autores que cultivaron o calembur foron Pierre de Montmaur, no século XVII e o Marqués de Bièvre, no século XVIII. Na literatura castelá, este recurso literario foi moi utilizado na poesía burlesca barroca.

Exemplo:
Aí van cen tolas con centolas
(Popular).

Voces relacionadas: cacemphaton.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.