[Axuda]  
Logo CRPIH
 
 
Referencia    
 

bildungsroman [bildungsroman] (voz alemá)

Termo alemán que significa 'novela de formación ou de aprendizaxe', usado para definir o tipo de narración que presenta a busca de identidade por parte dun personaxe, a través da formación intelectual, moral e sentimental, normalmente dende a mocidade até a madurez.

O poema épico medieval Parzival, de Wolfram von Eschenbach e relatos picarescos como o anónimo Lazarillo de Tormes (1554) ou Simplicissimus (1669), de Hans Grimmelshausen, xa usaran o tópico do individuo inxenuo e aventureiro que adquire a sabedoría por medio da experiencia. Pero o primeiro exemplo canónico do tema é o Wilhelm Meister (1795-1799), de Goethe. A teoría moderna da novela, de feito, ten o seu arranque no estudo de Friedrich Schlegel sobre esta obra. Moitas novelas posteriores seguiron o modelo da maduración persoal proposto polo bildungsroman. Pódense citar L'Éducation sentimentale (1845), de Gustave Flaubert, e David Copperfield (1849), de Charles Dickens. O bildungsroman remata, normalmente, de forma positiva, aínda que o proceso resulta mitigado pola resignación ou a nostalxia, logo dos soños, erros e decepcións vividas polo protagonista.

No caso de que o proceso de maduración narrado corresponda á xuventude dun artista, prefírese utilizar o termo künstlerroman ('novela de artista'), en vez de bildungsroman. O exemplo clásico é Retrato do artista cando novo, escrito por James Joyce en 1916. Esta variedade de bildungsroman orixinouse no período do Romanticismo alemán, época na que se exaltaba en extremo a figura do artista. O primeiro intento foi a novela que Ludwig Tieck escribiu en 1798, titulada Franz Sternbalds Wanderungen. Así mesmo, resérvase o termo erziehungsroman ('novela de educación') para as novelas nas que se describe a formación dun individuo durante a fase inicial da súa vida, a cargo dun titor ou mestre.

Georg Lukács (1920) e Lucien Goldmann (1964) especializaron o termo bildungsroman para se referir á novela que remata cunha autolimitación voluntaria por parte do heroe ou heroína, que asume os valores da ideoloxía dominante. Na novela contemporánea, a formación do protagonista pasa por unha confrontación coa sociedade burguesa, da que se pode saír espiritualmente maduro como en La catedral y el niño (1948), de Eduardo Blanco-Amor, aínda que esa madurez pode levar á destrución, como ocorre na novela de Pío Baroja El árbol de la ciencia (1911). As novelas Arredor de si (1930), de Ramón Otero Pedrayo e A nosa cinza (1980), de Xavier Alcalá, constitúen dous exemplos de bildungsroman na literatura galega, tradición estudada por María de los Ángeles Rodríguez Fontela (1996).

Voces relacionadas: novela picaresca.

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.