Skip to Main Content
  • Inicio

BreadCrumbs

Base de datos do Dicionario de Termos Literarios

Equipo GLIFO (dir.)

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Versión 3.1 Outubro 2022 (v3.0 Febreiro 2022, v2.0 Setembro 2012, v1.0 Abril do 2006)

O Dicionario de termos literarios, do que saíron en formato libro tres volumes até o momento (A-D, 1998; E-H, 2003; I-M, 2020), articula un campo de coñecemento de tan longa tradición como o desenvolvido ao redor do feito literario nun senso amplo. Este proxecto, potenciado agora como base de datos, ten por definición un carácter dinámico, de xeito tal que se irán incorporando voces novas e actualizando a redacción das xa activadas cando sexa necesario.

Coa vocación de comprender os fenómenos literarios como elementos dunha complexa estrutura que se deita sobre a realidade cultural, o Dicionario inclúe voces de moi diversos ámbitos, desde as que proveñen da Poética e a Retórica clásicas até aquelas que están aínda consolidándose nos campos plurais dos programas de investigación máis recentes. Neste mesmo horizonte, contémplase a presenza dun canon intercultural que favoreza a atención a repertorios e marcos culturais emerxentes, así como a perspectivas de estudo anovadoras.

Unha das virtualidades do proxecto na súa versión actual é o gran rendemento das ligazóns ou hipervínculos. Neste sentido, fíxose un esforzo especial en procurar que as voces remitidas no corpo textual e as voces relacionadas que se ofrecen ao final de cada entrada guíen o lector por entramados terminolóxicos coherentes. Con isto trátase de fornecer non só dunha información illada e específica sobre un determinado termo ou expresión, senón tamén dunha constelación ou familia terminolóxica que permita contextualizar e contrastar de xeito conveniente os contidos de cada entrada.

Logos